Nacen os Premios da Cátedra MN para distinguir o espírito emprendedor do estudantado das ramas de enxeñaría

Froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e a empresa tecnolóxica MN Program e ao abeiro da Cátedra MN en Emprendemento Tecnolóxico, que dirixe a catedrática Carmen García Mateo, nacen os Premios da Cátedra MN, dirixidos ao alumnado universitario das ramas de enxeñaría. Os galardóns, que terán tres categorías para os mellores Traballos Fin de Grao, Fin de Mestrado e Proxectos da materia Laboratorio de Proxectos (LPRO) do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo, nacen co obxectivo de distinguir o espírito emprendedor, ao tempo que se impulsa a innovación tecnolóxica e se recoñece a valía do alumnado. En total, nesta primeira edición dos galardóns, concederanse sete premios, por un importe de 3000 euros.

A convocatoria, aberta a estudantes de grao e mestrado e da materia LPRO que defenda os seus traballos antes do 31 de xullo, estará aberta ata o 24 de xullo. A calidade, orixinalidade e innovación do traballo, achega persoal do alumnado e grao de adecuación do proxecto ás áreas de interese da Cátedra MN, serán os principais aspectos que se valorarán das propostas recibidas, nas que tamén se terá en conta aspectos como o grao de utilidade e aplicabilidade, ou a viabilidade do proxecto.

Ler a noticia completa no DUVI