BReAst: sujétate a la vida, premio ao Mellor Proxecto LPRO

O premio para o Mellor Proxecto LPRO foi para BReAst: sujétate a la vida, desenvolvido polo alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Silvia Abal Fernández, Angela Abreu Iglesias, Candela Janeiro Catoira, Maria Purriños Paz e Antón Soares Rial. BReAst é un dispositivo de axuda á detección precoz do cancro de mama, grazas á toma de medidas do peito e á análise desta e que reflicte as conclusións obtidas nunha web. A paciente dispón dunha aplicación móbil coa que poderá interactuar co especialista, recibir consellos da comunidade e acceder a información formativa relevante.

Grazas á combinación das tecnoloxías hardware utilizadas, ao seu consecuente procesado, á monitoraxe constante e ao fácil e visual acceso aos datos, o médico poderá tomar unha decisión informada e temperá sobre o diagnóstico da paciente. O xurado dos premios valorou especialmente o coidado deseño do servizo tanto nos aspectos tecnolóxicos, como de ergonomía, privacidade da información das pacientes e viabilidade.

O xurado tamén fixo unha mención especial ao proxecto Pic4Learn, unha ferramenta software de apoio para a educación de nenos e nenas con TEA (Trastorno do Espectro Autista), realizado por Shaila Calvo Almeida, Lorena Gil Cerezales, Mónica Loureiro Zunzunegui, Jorge Núñez Crespo e Ana Purriños Paz, pola súa calidade técnica e o seu carácter social.